ATRIFOGA critica o "desmantelamento" do servizo público de prevención e loita contra incendios a favor de empresas privadas

TerraChaXa
A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) recordan que trala oleada de incendios e a traxedia, xurdiu o espírito solidario do momento e apareceron, espontaneamente, iniciativas de axuda de voluntarios.
Medios anti incendios
27 Nov 2017

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) recordan que trala oleada de incendios e a traxedia, xurdiu o espírito solidario do momento e apareceron, espontaneamente, iniciativas de axuda de voluntarios. Mentres, a Administración Autonómica manifestou que "os voluntarios axudan, pero necesítase persoal profesional todo o ano".
A este respecto, ATRIFOGA valora e agradece infinitamente o traballo de cada un dos voluntarios, pero "entendemos que non é a súa responsabilidade arranxar os problemas que veñen derivados de non contar cun equipo profesional contratado todo o ano".
"Transcorrido máis dun mes desde a baga de incendios, as precipitacións foron mínimas, a porcentaxe de humidade tanto ambiental como de vexetación é baixo e persiste unha seca extrema que fai que a biomasa vexetal poida arder con suma facilidade. Ademais, hai unha gran oscilación térmica entre o día e a noite, con temperaturas altas - en pleno outono - durante as horas diurnas e baixas en horas nocturnas, acompañadas de xeadas que fan que se reseque máis a vexetación, incrementando o risco de incendio", segundo explican dende o colectivo. Ademais, "unha proba de que o perigo persiste é que a Administración mantén a prohibición expresa de realizar queimas de restos agrícolas ou forestais".
O cambio climático está xerando, cada vez, secas máis intensas e isto, deriva en aridez extrema, o que fai que os montes estean máis propensos a arder pola acumulación de biomasa sen xestionar; a consecuencia do despoboamento, da falta de actividades agropecuarias e forestais no rural e do éxodo á cidade. Deste xeito, non hai discontinuidade entre as masas forestais, xa que os terreos que antes eran cultivados e traballados foron abandonados e amontóase a vexetación sen control, propiciando a rápida propagación dos incendios.
Todo iso, implica unha desestacionalización do risco de incendios, xa que arde en calquera época do ano e non só no verán (en 2017, por exemplo, os peores meses foron abril e outubro).
A iso habería que engadir a vulnerabilidade das zonas periurbanas, onde as zonas urbanas entran en contacto coas zonas forestais como poden ser as urbanizacións e os núcleos rurais, nas que carecen de medidas de autoprotección (non se respectan as distancias entre as edificaciones e as masas forestais) e tamén, con respecto ás estradas, co conseguinte problema de seguridade cidadá para as persoas e bens materiais, ademais de para o medio ambiente.
Ante este escenario, a Administración debe mudar a súa estratexia para facer fronte a unha nova tipoloxía de grandes incendios forestais: explosivos, simultáneos e concentrados nunha zona xeográfica -que colapsan os sistemas de extinción e de urxencias- dando prioridade e facendo realidade políticas preventivas que diminúan os riscos e minimizen as perdas ocasionadas por incendios que resultan devastadores con centos ou miles de hectáreas calcinadas.
A realidade é que o lume forma parte do ecosistema e é preciso convivir con el para poder combatelo cunha xestión forestal ambiciosa e eficaz, creando unha maior resistencia do monte a eses ataques virulentos.
Con toda esta perspectiva, a Xunta - pese á súa improvisación e falta de planificación - rectificou, tras un intervalo de 10 días, a súa postura inicial e recoñeceu que era necesario ampliar o tempo de traballo do persoal de 3 meses do SPDCIF, dada a situación que se estaba vivindo e que facía falta prolongar o dispositivo durante máis días; con todo, 436 traballadores foron cesados en 12 de novembro e o próximo 30 de novembro, serán cesados 626 fixos-discontinuos de 9 meses.
O persoal de 3 meses do SPDCIF vaise ao paro, sen sequera con dereito a optar a un subsidio polo seu contrato temporal e precario que os mantén "condenados a traballar só 3 meses ao ano", mentres empresas como SEAGA e TRAGSA están incorporando persoal para participar nos labores de recuperación forestal das zonas arrasadas polos incendios, a entidade privada Natutecnia segue operando con gran parte dos traballadores das bases e brigadas helitransportadas e algúns Concellos, manteñen - nos seus persoais - a cuadrillas e condutores de autobombas.
ATRIFOGA volve denunciar "a hipocresía do seu contratador (Xunta de Galicia) e a súa política de loita
contra os incendios encamiñada a segmentar o dispositivo fomentando a descoordinación, a reducir os efectivos do Servizo Público e ao seu desmantelamento (ata, sen cubrir unha boa parte das vacantes que se producen) e a dar beneficio a empresas de xestión privada, deixando na rúa aos seus propios traballadores públicos, que son profesionais cualificados, eficientes e que sairían máis rendibles. Así mesmo, ATRIFOGA recorda que as funcións do persoal de 3 meses non son só as da vixilancia, detección, coordinación e extinción de incendios, senón tamén as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e urxencias rurais que aparecen recollidas no propio
Convenio e na lexislación vixente de urxencias e protección civil.
Neste momento, urxen executar os traballos de consolidación do chan e de recuperación da cuberta vexetal protectora para evitar a erosión e o efecto arrastre das cinzas cara aos ríos e ríalas, co conseguinte risco de contaminación das augas, afectando á flora, á fauna e á biodiversidade; así como os labores de rehabilitación das
infraestruturas. Dentro dese grupo de traballadores, hai persoal técnico que pode dirixir e coordinar eses traballos e bombeiros forestais que poden efectualos.
A Xunta dirá que "non hai diñeiro nin orzamentos, que os traballadores non son necesarios, que non hai risco de incendio, que as condicións climáticas son distintas", cando todo iso son verdades a medias). Non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratando de xeito externo e privado a un maior custo.
"Este colectivo está integrado por 436 traballadores profesionais que o Presidente da Xunta, Sr. Feijóo e a Conselleira do Medio Rural, Sra. Vázquez, eloxian ante as cámaras de televisión e dos que, rapidamente, se esquecen cando estas están apagadas".
Máis dunha vintena de afectados na zona
Os traballadores afectados nos concellos chairegos son 28 pertencentes ao distrito IX (Lugo) entre os que se atopan os da demarcación 1 que atenden aos concellos de Friol, Lugo, Outeiro de Rei e Rábade; e 19 do distrito X (Terra Chá) que atenden á demarcación de Meira -concellos de Castro de Rei, Cospeito, Meira, A Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto-, a demarcación de Vilalba 1 -concellos de Begonte, Guitiriz e Xermade- e a demarcación de Vilalba 2 -concellos de Abadín, Muras e Vilalba-.

0.19862389564514