Augas de Galicia paraliza a tramitación de uso do lago das Pontes por parte de Sentury Tyre
Paralizada, provisionalmente, a tramitación para que Sentury Tyre poida utilizar o lago das Pontes. Augas de Galicia puxo en pausa ese trámite porque outra compañía, Ence, tamén formulou unha petición de concesión de uso do lago para a súa planta de biofibras.
O anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia detalla que agora se abre un novo trámite de competencia de proxectos para que, no prazo dun mes, o peticionario presente instancia concretando a súa solicitude.
Durante este tempo admitiranse tamén outras peticións que teñan o mesmo obxecto ou mesmo que sexan incompatibles coa solicitude. Sentury Tire solicitara a concesión dun caudal de auga de 700 m³/día para o proceso industrial da súa futura fábrica de pneumáticos e consumo humano.
Ademais, hai outros dous proxectos interesados na captación de auga no lago das Pontes: o da Central Hidroeléctrica Reversible de Magtel, que conta co visto e prace de Augas de Galicia, e o da central eléctrica reversible de Reganosa-EDP.
O deputado do BNG en Parlamento, Mon Fernández, xa preguntou pola compatibilidade desas dúas iniciativas no Parlamento de Galicia sen recibir unha resposta.