Augaxosa acolleu a feira de gando con máis de 120 exemplares e promoción de razas autóctonas

A parroquia da Augaxosa, en Riotorto, celebrou este sábado a súa tradicional feira de gando, unha cita que mantén viva a tradición dos mercados gandeiros documentados nesta localidade cando menos desde o século XVIII.
O recinto feiral reuniu máis de 120 cabalos, eguas e poldros procedentes de diferentes explotacións da contorna. Entre elas destacaron a gandería de Ricardo Veiga, de Vilaseca, en Riotorto, a de Xan das Bouzas, de Mondoñedo, e a de Miguel Miranda, da Pontenova, que foron recoñecidas cos premios ás ganderías con maior número de exemplares presentes na feira.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou coa Asociación de Veciños da Augaxosa na organización desta cita, que ademais do tradicional mercado cabalar incorporou unha mostra de razas autóctonas con exemplares de vacas caldelá, limiá e vianesa, así como ovellas e cabras galegas e a pita de mos. O programa completouse con postos de alimentación, artesanía e téxtil, ademais de demostracións de cestería e tornería.
As persoas asistentes puideron degustar tamén de maneira gratuíta hamburguesas elaboradas con carne de poldro de Pura Raza Galega, dentro do programa de promoción de razas autóctonas “Un gusto de rural, un rural de gusto”, impulsado pola área de Rural da Deputación de Lugo.