Aumenta a contía das axudas da luz de Muras para o consumo doméstico

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, anunciou que este ano subirá ata 700 euros a retribución máxima das axudas da luz para particulares, unha nova subida no camiño imposto polo Concello para chegar ao gasto cero para a veciñanza.
Requeijo indicou que se está traballando na redacción das bases da convocatoria das axudas deste ano, que abrirán a quenda de solicitude nunha data próxima, posiblemente o próximo mes, sen ter que pasar polo requisito de aprobarse en Pleno.
Avanzou o alcalde que esta nova convocatoria ofrece unha liña continuísta coas axudas outorgadas o ano anterior. Así haberá de novo dúas liñas, unha destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de ata 1.500 euros.
Ademais, mantense a liña de sempre dirixida a subvencionar os gastos domésticos aínda que nesta ocasión chegará ata os 700 euros para cada familia. Para chegar á máxima contía o tope en fogares será con rendas inferiores a 15.000 euros.
"Facemos un esforzo importante por subvencionar ás empresas e polo de pronto só subirán as de gasto doméstico, porque a nosa intención é que podamos chegar ata cubrir o custe total do gasto enerxético", explicou. Estas novas axudas cobren os gastos do ano 2024.
Manuel Requeijo manifestou que “estas axudas supoñen unha axuda importante xa que por exemplo para un negocio pode supoñer a axuda o custe de dous meses de electricidade”.