Aumenta o número de usuarios do servizo de Madrugadores de Friol
O Concello de Friol apostou fai tres anos por intentar facilitar a conciliación da vida familiar e laboral dos seus veciños e veciñas, e para iso decidiu poñer en marcha un servizo de madrugadores no curso 2020-2021. Deste servizo de madrugadores poden aproveitarse as familias con alumnos e alumnas matriculados no CPI Doutor López Suárez de Friol.
Este servizo foi medrando ano tras ano, e no presente curso 2023-2024 conta xa con mais de 20 persoas inscritas, que fan uso do mesmo durante esas primeiras horas do día, antes de entrar no colexio. Este é o mellor indicador de que é un servizo necesario, útil e que funciona ben.
O servizo está dispoñible dende as 7.45 ata as 9.45, que é cando xa comeza a xornada escolar. Lévase a cabo dentro do recinto escolar, e o persoal encargado de atender as necesidades dos usuarios xa os levan para a clase correspondente cando comeza o horario lectivo do centro, ás 9.45, como xa se indicou.
Con este xesto, o Concello de Friol segue apostando por dar servizos de calidade ás familias do municipio, e tamén ás que decidan vir establecer a súa unidade familiar ao pobo e matricular aos seus fillos e fillas no centro escolar público de Friol.
O Servizo de Madrugadores está sendo subvencionado polo Concello, tendo que pagar cada persoa interesada en facer uso do mesmo a cantidade de 80 euros por todo o curso escolar.
Aínda pode realizarse a inscrición nas oficinas do Concello de Friol, ou a través do correo electrónico info@concellodefriol.es. O impreso de solicitude de inscrición pode atoparse na páxina web do Concello.
O alcalde de Friol, Jose Ángel Santos, di que “dende o Equipo de Goberno apostamos por impulsar este tipo de servizos, que xunto co Punto de Atención á Infancia, conseguen que as familias teñan un pouco máis fácil poder conciliar a vida familiar e laboral”.