Aurora Marco ofrece en Vilalba unha palestra sobre as mestras represaliadas polo franquismo

TerraChaXa
A actividade pretende contribuír á recuperación da memoria histórica e, especialmente, á visibilización das mulleres que sufriron represión durante a ditadura
mulleres-represaliadas
19 Mar 2026

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza este venres 20 de marzo unha palestra titulada Mestras represaliadas. María Vázquez Suárez, que será impartida pola profesora, investigadora e ensaísta Aurora Marco. O acto celebrarase ás 20:00 horas na sala do Auditorio Municipal de Vilalba, dentro das actividades programadas arredor da conmemoración do 8M.

A conferencia afondará na figura de María Vázquez Suárez, mestra socialista que foi eliminada polo franquismo, tema sobre o que Marco publicou o libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, editado por Alvarellos Editora. A actividade pretende contribuír á recuperación da memoria histórica e, especialmente, á visibilización das mulleres que sufriron represión durante a ditadura.

A presentación da relatora correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. A entrada ao acto será libre ata completar a capacidade da sala.

Aurora Marco (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) é doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática na Facultade de Ciencias da Educación. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha intensa actividade investigadora e divulgativa, centrada en boa medida na recuperación da memoria das mulleres galegas, en especial das que foron represaliadas durante o franquismo.

Autora de numerosos libros e artigos, Marco publicou obras de referencia como As precursoras (1993), Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002), Diccionario de mulleres galegas (2007) ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011), entre outras. Nos últimos anos tamén recibiu diversos recoñecementos pola súa obra ensaística e participou como guionista e produtora en proxectos documentais vinculados á memoria histórica.

A palestra en Vilalba enmárcase no seu continuo labor de divulgación e pretende achegar ao público a historia de María Vázquez Suárez e, ao mesmo tempo, reivindicar o papel das mestras e das mulleres que sufriron persecución pola súa defensa dos valores democráticos.

0.11866998672485