Autocares Pita de Xermade botou o peche
A empresa xermadesa Autocares Pita botou o peche a finais do 2019 por mor do pouco traballo que, dende as administracións, se lles facilitaba.
Autocares Pita foi fundada no ano 1933 polos irmáns Victor e Manuel Pita Guizán en Xermade, adicándose nun primeiro momento ao transporte de viaxeiros a feiras e mercados da zona, principalmente, como Parga, Moman, As Pontes, Vilalba e Lugo. Os primeiros vehículos eran mixtos, neles transportábanse persoas, equipaxes, animais vivos como porcos, galiñas, ovellas e todo tipo de produtos do campo para a súa venda nas feiras. O elevado número de pasaxeiros obrigaba a levar a unha parte dos mesmos na vaca do vehículo.
Ademas realizábanse outros servizos como o traslado de segadores a Castela, traslado de soldados desde o campamento de Parga a Verín, así como o transporte de viaxeiros ás festas e salóns de baile da comarca ás que devanditos vehículos chegaban completamente abarrotados.
A principios dos anos oitenta prodúcese a primeira substitución xeracional, pasando a empresa a mans de Víctor Pita Silva.
Nunha época de cambios nas necesidades de transporte de viaxeiros, o desenvolvemento industrial da comarca, principalmente na zona de San Ciprian e As Pontes, permitiu incrementar o número de vehículos coa finalidade de transportar obreiros para a construción destes complexos industriais.
Posteriormente implantouse o Servizo de Transporte Escolar cando se creou o colexio público e despois ampliouse cos alumnos do IES Basanta Silva de Vilalba. Pero xa nestes anos queixábase de que a “Xunta non lle daba ningún servizo de transporte escolar, e no rural non hai fábricas nin moitas escolas. A Xunta vende fume dicindo que miran para o rural, pero o que fan é destruilo”.
“O concurso de transporte escolar fixérono para as grandes empresas, a maior parte das pequenas teñen que ir en UTE coas grandes, e a ver como remata iso”, di Pita, “así que o 31 de decembro vinme obrigado a pechar a empresa familiar que herdei do meu pai e ter que botar a 4 traballadores”.