Autorizadas as fogueiras de San Xoán en espazos privados ribadenses

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello, de maneira excepcional para este ano 2020, soamente autorizará as fogueiras de San Xoán e San Pedro en propiedades privadas.
19 Jun 2020

O Concello, de maneira excepcional para este ano 2020, soamente autorizará as fogueiras de San Xoán e San Pedro en propiedades privadas. Queda totalmente prohibido a celebración das mesmas en espazos públicos. O prazo para solicitar permisos para as fogueiras de San Xoán remata o 22 de xuño ás 13:00 horas e para as fogueiras de San Pedro o 26 de xuño tamén ás 13:00 horas.

O alcalde, Fernando Suárez, comentou que “publicamos este bando sobre as fogueiras de San Xoán e San Pedro co ánimo de explicarlle a toda a cidadanía que sigue aberto o prazo para solicitalas pero que neste ano, por mor da crise sanitaria do Covid-19, de forma excepcional soamente imos autorizar a celebración de fogueiras en propiedade privada, quedando totalmente prohibida a realización das mesmas en espazos públicos, como tradicionalmente ven sucedendo noutros anos”.

O rexedor explicou que “son medidas coas que temos que convivir a día de hoxe, nesta nova normalidade, e ás veces os Concellos, como é o caso do de Ribadeo, temos moitas dificultades para ditar normas a través de bandos ou outras instrucións menores, porque hai normas superiores que son moi contraditorias. As que está ditando a Xunta de Galicia nestes últimos días son contraditorias coas que está ditando tamén o goberno do Estado e moitas veces non sabemos moi ben ao que nos temos que ater. Por unha banda, os nenos non poden ir ao cole, non pode haber actividades en espazos pechados ou son cunha limitación de aforo moi estrito, e por outra banda parece que se está dando manga ancha para que haxa verbenas con mil persoas. Entón iso non lle casa a ninguén, a cidadanía está confusa e desde os Concellos estamos igual de confusos porque moitas das responsabilidades nos veñen para nós, e aquí desde o Concello de Ribadeo queremos seguir actuando con responsabilidade”.

Suárez Barcia subliñou que “non hai que esquecer que hai catro días estabamos todos confinados nos nosos fogares e que agora non pode ser que, dun día para outro, isto sexa unha anarquía total e absoluta. Queremos que haxa dinamización económica, queremos que haxa movemento, queremos que veñan os de fora, pero temos que seguir tomando normas de respecto e de control porque o día menos pensado temos un brote que nos mandan a todos para casa outra vez. Polo tanto no que ten que ver coas fogueiras de San Xoán e San Pedro adoptamos estas medidas, que si imos autorizar as fogueiras en espazos privados, coas recomendacións sanitarias que se establezan para os domicilios e para os lugares privados, pero non imos autorizar as mesmas en espazos públicos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.11607098579407