Avanza a bo ritmo as obras da Unidade de Saúde Mental das Pontes

TerraChaXa
As obras da Unidade Residencial de Saúde Mental das Pontes, promovida pola Asociación de Ferrol, Eume e Ortegal continúan a bo ritmo.
FOTO VISITA OBRAS centro saude mental as pontes
7 May 2023

As obras de construción da Unidade Residencial de Saúde Mental das Pontes, promovida pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e cun orzamento próximo aos dous millóns de euros, continúan a bo ritmo.

Así o puido comprobar o presidente da asociación, Félix Pena, que estivo acompañado polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. O presidente lembrou a importancia deste novo equipamento, o sexto en Galicia, que ten como obxectivo prioritario cubrir a ausencia de recursos sanitarios, na área de Ferrolterra, para pacientes con trastorno mental severo de longa duración, con importantes limitacións e sen posibilidades de apoio familiar e para os que son insuficientes os pisos protexidos por precisar dun apoio e supervisión 24 horas diarias.

“Na Área Sanitaria de Ferrol non existe ningunha Unidade Residencial, e moitos dos pacientes que precisan praza residencial, teñen que agardar unha larga lista de espera. Ademais nesta área sanitaria, estímase que no prazo de dous-tres anos precisariamos outras dez prazas mais. As previsións son dunha maior necesidade de prazas debido ó incremento xeral de pacientes con TMS en situación de dependencia, e á cada vez menor asunción dos coidados por parte das familias, debido a razóns demográficas e ós cambios na estrutura familiar”. apuntou o Félix Pena.

A unidade residencial terá unha capacidade de 25 prazas, nun total de 1.000 metros cadrados construídos, distribuídos en tres habitacións dobres, 19 individuais, zonas comúns para esparexemento e ocio, zona para taller de actividades, comedor, cociña e almacén, oficinas, e despachos de atención personalizada.

Todo elo coa aparencia dunha vivenda unifamiliar, co obxectivo de que as persoas usuarias podan facer unha vida o máis normalizada posible, en réxime de convivencia familiar, integrada no ámbito comunitario e nun entorno vivo próximo ós servizos sanitarios e sociais.

Entre os servizos que prestará a unidade residencial de saúde mental destacan os programas individualizados de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas actividades básicas e instrumentais da vida diaria, actividades de lecer e tempo libre así como rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva e atención psicolóxica, entre outras que recaerán sobre un equipo de traballo multidisciplinar con profesionais procedentes do sector sociosanitario.

A Unidade Residencial será construída de acordo cas directrices do Decreto 347/2002, de 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, e teranse tamén en conta as directrices arquitectónicas e de servizos aportadas pola Consellería de Política Social para a creación de Residencias de persoas con discapacidade.

O proxecto, cun investimento que ronda ós 2 millóns de euros -importe ó que habería que sumar o que a entidade leva aportado por valor duns 150.000 €, derivados da compra da parcela, a elaboración do proxecto técnico, dirección facultativa, consultaría e xestión-, conta co apoio económico do Concello das Pontes que aportou 400.000‬ euros, cunha achega de 72.104,16 euros da Consellería de Política Social, a través da convocatoria dos fondos con fins sociais do 0,7% do IRPF e está pendente da publicación dunha convocatoria con cargo a fondos europeos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia que terá como obxectivo específico a creación de residencias e centros de día por parte de entidades sociais que completaría o importe necesario a fondo perdido.‬‬‬‬

ASOCIACIÓN DE SAÚDE MENTAL FERROL EUME E ORTEGAL

A Asociación Saúde Mental Ferrol Eume e Ortegal, constituída o 10 de xullo de 1995, está integrada por persoas con enfermidade mental, os seus familiares, e profesionais de distintos campos relacionados coa Saúde Mental e forma parte do movemento asociativo a favor das persoas con enfermidade mental Saúde Mental FEAFES Galicia, así como da Confederación Salud Mental España.

A Asociación ten como misión a atención ás necesidades de rehabilitación psicosocial, laboral e de vivenda das persoas con enfermidade mental mediante unha atención integral personalizada que abrangue á persoa usuaria e á súa familia, facilitando un entorno social normalizado co obxectivo de lograr a súa autonomía e integración na sociedade, funcións que desenvolven dentro do ámbito da Área Sanitaria de Ferrol a través da xestión de dous Centros de Rehabilitación Psicosocial, catro Pisos Protexidos e un Centro Ocupacional.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18025302886963