Avanzan a bo ritmo as obras de reurbanización da praza de América pontesa
O proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, ten un orzamento de 569.608 e permitirá reordenar o ámbito en termos de accesibilidade e funcionalidade.
As obras de reurbanización da praza de América, un proxecto cun orzamento de 569.608 euros financiado pola Deputación da Coruña, avanzan a bo ritmo, tal e como puideron comprobar, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Obras, Pancho Franco, durante unha visita realizada esta semana.
González Formoso lembrou que se trata dun "proxecto moi ambicioso, a través do que tratamos de recuperar os valores orixinais da praza; o papel protagonista da escola, a súa relación coas rúas perimetrais e o seu carácter de zona de paseao e permítenos, ao mesmo tempo, a creación dun espazo funcional para toda a veciñanza".
Entre os traballos postos en marcha a finais do ano 2022, co obxectivo de voltar á configuracion orixinal da praza, procedeuse á demolición do edificio no que se situaba a biblioteca municipal para, a continuación proceder ao movemento de terras para establecer dúas alturas, definindo ás rúas perimetrais o relevo interior da nova praza, asimilar as pendentes existentes e establecendo unha única plataforma á mesma cota.
Rematadas estas tarefas, procedeuse á execución da conducción das augas pluviais e á execución das canalizacións correspondentes á rede eléctrica. Na actualidade, tras realizar as tarefas de encofrado estanse a extender diferentes losas de formigón sobre as que, posteriormente se colocará o pavimento final, de pedra, e tamén se procedeu á prantación dalgunhas especies arbóreas.
Así, ao nivel da Avenida da Coruña a praza disporá dun espazo diáfano totalmente libre de obstáculos, configurado como unha área para acoller diferentes tipos de eventos mentres que una aliñación de arborado definirá sutilmente o límite entre o espazo da rúa e o ámbito da praza.
No lateral leste, a área que xurde da prolongación do espazo público da rúa Castelao, estará concebido como unha ampla ladeira verde mentres que no ámbito intermedio, vencellado coa rúa Ramón Cabanillas, a praza contará cunha zona de paseo protexida do ruído e do tráfico na que se crearán recunchos de estancia cun carácter máis intimista, reinterpretando o ‘Paseo dos Americanos’ e que estará franqueada por unha banda verde que resolverá a diferencia de cota.
Tras rematar os traballos de pavimentación final, procederase a instalación do alumeado público, dispoñéndose os farois en columnas de alturas variables con proxectores LED, instalarase así mesmo a rede de drenaxe e rega e finalmente instalarase o mobiliario urbano
A PRAZA DE AMÉRICA
A praza de América nace da man da construción da escola, o actual CEIP Santa María, no ano 1929 grazas á achega de fondos por parte da 'Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez', formada por emigrantes ponteses na Habana. A relevancia que tivo este equipamento foi o xerme de que os terreos situados na súa fronte se configurasen como un dos principais espazos de lecer da vila, constituíndose como unha praza destinada a eventos públicos franqueada pola avenida de Ortigueira (hoxe avenida de Castelao) e a avenida de Coruña.
Co paso do tempo a praza foise transformando. Na década dos 80 tivo lugar un cambio radical na concepción do espazo, realizando unha intervención que supuxo a elevación do espazo en relación coas avenidas perimetrais, aproveitando o desnivel xerado para construír un edificio semisoterrado, utilizado en orixe como Fogar da terceira idade e que ata decembro de 2022 alberga a Biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.
Esta última intervención na praza de América, que modificou a súa natureza orixinal, fixo que saísen á luz unha serie de eivas como a falta de accesibilidade por mor dos desniveis xerados, tanto internamente como con respecto ás vías perimetrais, así como a escasa funcionalidade que ten pola carencia de mobiliario urbano axeitado e a falta de zonas de resgardo fronte ao sol e á choiva, ademais de dispoñer de escasos espazos verdes.
O obxectivo principal da actuación que se está a executar é ordenar o ámbito en termos de funcionalidade, seguridade e accesibilidade atendendo a criterios de calidade ambiental, de eficiencia enerxética e de sustentabilidade.