Avanzan a bo ritmo as obras de humanización da zona das Pedreiras

TerraChaXa
As obras de humanización da intersección das rúas Pedreiras, Porta da Cima e Pita da Veiga de Vilalba avanzan a bo ritmo na peonalización.
obras humanizacion pedreiras vilalba
15 May 2021

alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, visitaron as obras de humanización da intersección das rúas Pedreiras, Porta da Cima e Pita da Veiga. Os traballos avanzan a moi bo ritmo.

Trátase dunha área que comunica o casco histórico coa parte máis nova de Vilalba, polo que o concello quixo humanizar a intersección, cun maior protagonismo para as persoas e menos tráfico rodado.

Coa actuación, cun orzamento de 166.830 euros, limitarase o tránsito e o aparcadoiro de vehículos. A zona será de plataforma única e concello instalará ademais dúas pérgolas, árbores e mobiliario urbano (bancos, papeleiras e farolas). 

“Será un espazo que semellará máis unha praza que unha rúa, onde terán prioridade os peóns e os vehículos só poderán circular a baixa velocdade, sen posibilidade de estacionamento”, explica a alcaldesa, Elba Veleiro.

“Desde o concello demandamos á Xunta que interveña en dúas vivendas propiedade do IGVS nesta zona, que están en moi mal estado”, apunta Luis Fernández.

Ademais destas obras, o Concello de Vilalba acometerá nos próximos meses a renovación da rede dos servizos básicos da rúa das Pedreiras, unha actuación integral que servirá para mellorar a vida dos veciños e veciñas.

En concreto, estas obras serán no tramo oeste da rúa, onde o concello fará unha nova rede de abastecemento, un sistema de saneamento separativo (pluviais e fecais) e seccións soterradas para as redes de telecomunicacións e electricidade/gas existentes na rúa.

0.13833093643188