Avanzan as obras de mellora do mercado municipal pontés
Os traballos de mellora do interior do Mercado Municipal, un proxecto cun orzamento de 124.499 euros con cargo á liña de axudas da Consellería de Economía para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, avanzan a bo ritmo.
Esta actuación ten como obxectivos prioritarios unificar a imaxe exterior dos postos e do espazo común, mellorar a acústica do espazo e o illamento térmico así como renovar os aseos existentes e recolocar o aseo accesible, para deste xeito encamiñar o espazo a unha compatibilidade coa futura ampliación prevista no anteproxecto de mellora da contorna do mercado das Pontes, xerando unha distribución que permita a futura apertura dunha nova porta na fachada oeste.
Así, co obxectivo racionalizar os espazos existentes e dotar ao mercado das Pontes de maior funcionalidade e atractivo, contémplase a unificación da imaxe exterior dos postos de venta coa retirada o actual friso e o revestimento dos piares integrados no frontal dos postos, que serán substituídos por un novo azulexado e un novo friso, realizado en madeira, que servirá como soporte para as serigrafías dos diferentes postos, mediante letras corpóreas de aluminio lacado.
No caso da zona común, co obxectivo de mellorar a acústica e a térmica, colocarase un falso teito de panel acústico de labra de madeira onde se disporán diferentes canles para albergar novas luminarias led.
A obra actuará tamén sobre toda a franxa que abarca os aseos comúns do extremo oeste e así, procederase á renovación dos acabados e das pezas de louza dos aseos. Tamén se modificará a disposición das portas para adaptarse á distribución de lavabos xa existentes, recolocando o volume de aseo accesible, incluíndo a posibilidade dunha dobre transferencia e a instalación de aviso lumínico por accidente.
Finalmente, no novo espazo de entrada aos de aseos disporase un espazo para situar unha nova dotación de taquillas de uso común.