Avanzan as obras de remodelación do pavillón do CEIP Insua Bermúdez
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, anunciaron na mañá de hoxe o importante avance das obras de reparación que se están levando a cabo nos vestiarios do pavillón do CEIP Insua Bermúdez para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética das instalacións.
As actuacións deron comezo pola cuberta, onde se colocou unha nova chapa sándwich. Ademais, as obras no exterior da instalación complementaranse coa colocación de carpintería metálica de PVC e a limpeza e reparación da fachada mediante o selado de gretas, a reparación de desconchóns e o pintado exterior e interior con pintura impermeabilizante.
“Grazas ás actuacións na zona exterior favorecerase a eficiencia enerxética do edificio porque se selará por completo a infraestrutura, de tal xeito que non se produzan goteiras ou escapes de calor”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco sobre unhas obras que contan cun orzamento de 54.543,56 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, salientou durante a visita “o importante cambio nos termos de auga, que tiñan unha capacidade de 200 litros e os novos, que xa están instalados, teñen un volume de 1.000 litros”.
Nesa liña, as obras tamén se centraron na substitución dos 2 termos de auga quente actuais por unha bomba de calor que emprega a aerotermia tanto para a calefacción como para a dotación de auga quente sanitaria. “O que, ademais de outorgar maior confort aos usuarios dos vestiarios, repercutirá nun importante aforro enerxético e medioambiental para o noso Concello, pero tamén nun destacable aforro económico para as arcas municipais”, salientou a rexedora, Marta Rouco.
Así mesmo, no interior dos vestiarios tamén foron substituídas as luminarias antigas por novas luces led que reforzarán a eficiencia enerxética das instalación e dotarán dunha maior e mellor visibilidade aos usuarios e usuarias.
CELERIDADE DAS ACTUACIÓNS
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quixo salientar tamén “a celeridade coa que se sacou adiante este proxecto”, pois logo de ser adxudicado a finais do mes de outubro a empresa adxudicataria comezou de inmediato as actuacións.
“A previsión é ter completamente rematadas as obras para este mesmo mes, o que permitirá empregar as novas instalacións xa durante o presente trimestre do curso escolar”, explicou a rexedora.