Avanzan na mellora da rúa Curros Enríquez de Cospeito

TerraChaXa
O obxectivo é ampliación da plataforma e o reforzo do firme, así como beirarrúas e nova iluminación, desta rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo
xnta-de-galicia-cospeito-convenio-curros-enriquez
29 May 2025

A Xunta colaborará co Concello de Cospeito nas obras de ensanche e mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar da Feira do Monte, que suporán un investimento de case 520.000€ (518.391€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, o convenio de colaboración para abordar estes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe.

Este programa da Xunta, como sinalou a conselleira, apoia ás administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos, “a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación”. “Con estes proxectos -sinalou- buscamos reforzar o atractivo das nosas aldeas, vilas e municipios e contribuír así á revitalización do territorio e ao reforzo da competitividade económica”.

A intervención obxecto deste convenio consistirá na ampliación da plataforma e o reforzo de firme, así como habilitación de beirarrúas e dotación de nova iluminación, desta rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro e da Ermida do Monte e, que entronca coa estrada autonómica LU-111.

En concreto, actuarase no treito da rúa entre o centro de día ata a glorieta da citada estrada autonómica. O proxecto ten así como obxectivo a ampliación da plataforma da rúa e o reforzo do firme, incluíndo o soterrado dos servizos aéreos e a inclusión da drenaxe. No proxecto contémplase tamén a substitución dos farois existentes por un sistema novo de alumeado público.

Trátase dunha contorna onde se sitúan dotacións como o colexio e o citado centro de día, ademais da igrexa de Virxe do Monte, de xeito que a intervención mellorará o acceso da veciñanza a estes equipamentos.

M. Allegue destacou neste senso que a intervención, que terá un prazo de execución de seis meses, contribúe a seguir vertebrando este núcleo de Feira do Monte, onde xa se realizara unha intervención de humanización na praza Maior a través tamén do Plan Hurbe.

No que se refire ao financiamento, o Goberno galego asumirá o 70% do custe destas intervencións, cun investimento de case 363.000 euros (362.873), e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Cospeito achegará o 30% restante (155.517€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

⚙ Configurar cookies
0.14196300506592