Avelino González actúa este sábado en Pol
O actor e monologuista Avelino González presentará o próximo sábado, 24 de outubro, en Pol o seu espectáculo Contar de Contrabando. A cita, organizada pola Asociación Cultural Leña Verde de Pol, terá lugar ás 17.00 horas no centro sociocultural de Mosteiro.
O espectáuclo Contar de Contrabando é unha mistura de historias reais e inventadas polo propio Avelino González, das que o propio actor sinala que aínda que moitas delas "poden non interesar por seren historias da vida cotiá, tómome a licencia de contalas igual".
Avelino González apunta que un conto como este é "un xeito de rir da realidade, dos veciños, da xente próxima e tamén de nós mesmos".
Este actor contra cun amplo currículo no mundo escénico, destacando os seus papeis en series galegas como Pratos Combinaos, Mareas Vivas ou Padre Casares.
Para asistir será obrigado o uso de máscara e a hixiene de mans. O acceso será libre e gratuíto por orde de chegada ata que se complete o aforo.