Baamonde acenderá este venres a nova iluminación da súa igrexa e do castiñeiro milenario

Baamonde estreará este venres 14 de novembro, ás 20.00 horas, o novo alumeado ornamental da súa igrexa e do castiñeiro milenario, dous dos símbolos máis recoñecibles desta parroquia lucense pola que transcorre o Camiño Norte de Santiago.
A actuación foi financiada pola Axencia de Turismo da Xunta de Galicia cun orzamento próximo aos 50.000 euros e ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio arquitectónico e natural de Baamonde. A nova iluminación permitirá resaltar a beleza e singularidade destes elementos, moi apreciados polos milleiros de peregrinos e visitantes que pasan pola localidade cada ano.
Desde o Concello convidan a toda a veciñanza e aos visitantes a participar no acto de posta en marcha, que servirá tamén como momento de encontro e celebración para o municipio. Con esta intervención, Baamonde continúa avanzando na promoción do seu patrimonio e no impulso do turismo cultural e relixioso da zona.