Baamonde acollerá un curso de frauta centrado na aprendizaxe musical en grupo

TerraChaXa
A formación estará impartida pola frautista e docente Mónica López Cerqueira, profesional con ampla experiencia
frauta
16 Feb 2026

A localidade de Baamonde, no concello de Begonte, acollerá os días 21 e 22 de febreiro un Curso de Frauta organizado polo centro autorizado Terra Chá da Escola Músico Crisanto, cunha proposta formativa orientada a fomentar o goce da música, a aprendizaxe colectiva e o progreso individual do alumnado.

O curso está concibido como unha fin de semana intensiva na que as persoas participantes poderán seguir medrando musicalmente dun xeito motivador, cunha metodoloxía adaptada á súa idade e nivel. A programación combina clases colectivas, traballo en ensemble e atención individualizada, nun ambiente próximo e coidado que favorece a convivencia e o intercambio de experiencias musicais.

A formación estará impartida pola frautista e docente Mónica López Cerqueira, profesional con ampla experiencia na ensinanza da frauta traveseira a alumnado de todas as idades. Ao longo da súa traxectoria colaborou con bandas profesionais e formacións orquestrais, ampliando a súa formación mediante masterclasses con recoñecidos frautistas internacionais e participando en proxectos e certames de ámbito europeo. A súa preparación en Educación Primaria e no Máster de Profesorado sustenta unha metodoloxía rigorosa, activa e motivadora.

O curso estrutúrase en sesións de sábado pola tarde, dedicadas ás clases grupais, con grupos de iniciación e nivel medio-avanzado, e na xornada do domingo, centrada nas clases individuais, nas que se traballará o repertorio, a técnica e a musicalidade adaptadas a cada alumno ou alumna.

As inscricións atópanse abertas para alumnado da escola e persoas externas, consolidando esta iniciativa como unha aposta pola educación musical de calidade e polo desenvolvemento artístico na comarca da Terra Chá.

⚙ Configurar cookies
0.080816984176636