Baamonde acusa ao Goberno local de abandono do rural
O voceiro do PP en Vilalba, Agustín Baamonde acusa ao equipo de Goberno de "abandono do rural". Asegura que todas as actuacións que desenvolve, "poucas", se concentran unicamente no urbano. "Este é o eterno problema de Vilalba porque ten unha zona rural enorme", asegura o excalde que afirma que non se está a realizar ningunha actuación salientable. "Son moitas as que hai que facer pero hai algunhas urxentes, como a de mellorar as comunicacións, terrestres, camiños, por exemplo".
Asegura que o Concello recibe por riba dun millón de euros por ano pero non está facendo o traballo que precisa para "poñer o rural na modernidade coa fibra óptica. Hai que facer máis que levar a cabalgata ao rural. O Plan de Compensación está para investir no rural, iso era o que decían eles e agora só están a investir no ubano".
Tamén criticou a situación que atravesa urbanismo facendo referencia á manifestación de protesta realizada fronte ao Concello. "O problema do urbanismo é complicado pero está causado principalmente porque non está aprobado o Plan Xeral", afirma. "Levan ano e medio co plan enriba da mesa e non son capaces de facer nada ou mesmo mostrar a vontade de seguir avanzando na súa aprobación", engadiu.
Tamén acusou ao equipo de Goberno de utilizar a publicación anual para facer márketing do partido. "Dicen que é para comunicarse cos veciños pero se fai dende o Concello e pagado polo Concello pero non ten sentido se non se dá entrada á oposisión", conclúe.