Baamonde únese a outras anpas para defender os servizos no rural

TerraChaXa
As asociacións de nais e pais de alumnos dos colexios do Baamonde, Courel, Navia e Baralla veñen de unirse nunha plataforma conxunta, Anpas do Rural
protesta anpa baralla
8 Feb 2021

As asociacións de nais e pais de alumnos dos colexios do Baamonde, Courel, Navia e Baralla veñen de unirse nunha plataforma conxunta, Anpas do Rural, para facer unha fronte común nas súas reivindicacións a prol da defensa do servizos educativos no rural.

Desde a nova plataforma explican que nacen coa intención de “dar visibilidade ó noso problema común, que non é outro que o continuo goteo de peche de servizos na nosa terra, que empeza a poñer en perigo a pervivencia da poboación na mesma”.

“Esta plataforma nace co afán de colaborar na medida do posible na divulgación da nosa realidade fronte ó relato que adoitamos escoitar por parte da Xunta, que por outro lado admite que son xestoras alleas á realidade da nosa terra quen está deseñando as medidas a tomar nela. Cómo vai una xestora de Madrid ou mesmo de Santiago coñecer, dende o seu despacho, a realidade da Montaña de Lugo ou da Terra Chá?”, explican.

O centro das súas queixas radica na modificación do servizo do transporte escolar que, din, “alonga as rutas escolares ata unha hora, isto dúas veces ao día fai que os nenos e nenas pasen dúas horas no autobús para algo tan básico como a súa escolarización”. O tempo de lecer dos escolares, engaden, “non o pode xestionar a Xunta nin a empresa de transporte”.

Opóñense de igual xeito ao peche de colexios, como se baralla en Baamonde para abrir un conservatorio de música. “Nada pode xustificar o peche dun colexio na zona rural, posto que ningunha outra actividade é tan importante coma esta”, din.

“Mentras que os nosos políticos firman coa man dereita a lei de impulso demográfico, coa esquerda seguen pechando máis e máis colexios coma o de Baamonde, e os que manteñen abertos precarízanos tanto que se volven inviables de feito, coma no caso do Courel, Navia e Baralla”, denuncian.

INVESTIMENTOS

O eixo das queixas deste grupo radica que en “os nenos e nenas do rural levan anos perdendo servizos por ser considerados números. Cando á consellería non lle dan os números para manter un servizo no rural, en vez de fomentar políticas activas de incentivo da poboación (como tantas temos visto por España adiante) limitase pechar o servizo de maneira que afonda no despoboamento”.

Aseguran por tanto que investir en educación non pode considerarse un gasto. “Para os  nosos representantes públicos a educación é un gasto e polo tanto a súa intención sempre é minimizalo”.

Engaden tamén que “o tempo libre dos nosos fillos e fillas non o pode xestionar nin a Xunta nin a empresa de transporte. Comprendemos que a administración trate de optimizar recursos pero a primeira prioridade nunca debe ser económica por riba do benestar dos nenos e nenas. As modificacións no transporte da montaña de Lugo alongan as rutas escolares ata una hora, isto dúas veces ao día fai que os nenos e nenas pasen dúas horas no autobús para algo tan básico como a súa escolarización”.

Levantan un grito unánime de “non ao peche dos colexios no rural. Nada pode xustificar o peche dun colexio na zona rural posto que ninguha outra actividade é tan importante coma ésta. Isto esta a pasar hoxe en Baamonde onde se pretende pechar o colexio para abrir un conservatorio de música privado, condenando a trinta nenos e nenas ó desarraigo baixo a premisa, según palabras do propio alcalde, que total tarde ou cedo o rural vai ir a menos… Os nosos nenos e nenas non teñen cines nin teatros, nin bibliotecas, nin museos. Todas esas cousas fixéronse tamen cos nosos impostos e para desfrutalas temos que desprazarnos kilómetros. En contraposición temos aire puro, tranquilidade e unha escola como nexo de unión da comunidade, na que se ensina dende matemáticas ata qué hortalizas plantar en cada tempada. Por iso non podemos ficar impasibles mentres nos sacan ata o máis básico”.

Consdieran que o fin da escola é o inicio do fin das comunidades rurais, e, polo tanto, “de quen mantén os nosos bosques limpos, camiños transitables, manten a fala, en fin, quen leva séculos debuxando a nosa paisaxe e é reservorio dunha parte esencial da nosa cultura colectiva”.

0.20469117164612