Baixa a incidencia da covid nos concellos en alerta

TerraChaXa | AMariñaXa
Baixan a incidencia da covid nos concellos en alerta. Os datos de casos activos na provincia xa son 16 menos que na xornada anterior
tdm4
1 Dec 2020

Unha xornada máis os datos de casos activos na provincia de Lugo seguen baixando e xa son 16 menos que na xornada anterior, uns datos esperanzadores xa que os martes, por actualizacións administrativas, habitualmente se suman máis casos das fins de semana.

Os casos activos de hoxe estiveron marcados polos 38 contaxios novos detectados nas últimas 24 horas e as 56 altas, que sitúan o total de afectados dende o inicio da pandemia en 5.219 do total de 6.278 enfermos censados ata a data.

Tamén hai que lamentar un novo falecemento, unha muller da residencia de Cervo, que fai que as vítimas mortais da pandemia na provincia ascendan a 123.

Descende tamén a presión hospitalaria con tres persoas menos, unha delas da UCI, que queda con tres enfermos. Na planta do Hospital de Lugo hai 28 (dous menos), 6 no Hospital da Mariña (un menos) e 4 no de Monforte (un máis).

Por concellos, a situación segue á baixa. Os tres concellos que quedaban en alerta, seguen sen novos positivos e baixando a incidencia nos últimos 14 días. En Burela son 26 (5 menos), en Foz 26, 2 (menos) e en Cervo 10 (un menos).

GALICIA

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas en Galicia mantéñense estables en 239, tan só un máis con respecto aos 238 novos casos notificados unha xornada antes. Son os valores máis baixos da pandemia desde mediados de outubro.

As áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés son as máis afectadas nos datos deste luns. A área viguesa sumou 69 casos  nun día, 35 máis que os notificados 24 horas atrás; mentres que a pontevedresa, a pesar de ser a segunda en número de novos contaxios, con 49, anotou unha baixada de cinco.

O resto de áreas sanitarias notificaron na da Coruña-Cee, 36 (26 menos) e en Santiago-Barbanza, 25 (2 máis).

Así mesmo, as que manteñen a incidencia máis baixa seguen sendo Ferrol, con 12 contaxios detectados (15 menos); e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con só 10 (3 menos).

En canto aos casos activos (persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade), seguen cunha tendencia descendente, ata os 7.646 pacientes en toda a Comunidade galega, 160 menos que o luns.

É máis, todas as áreas sanitarias rexistraron caídas nos enfermos de covid-19. A de Vigo continúa como a que máis casos activos mantén pero xa baixou dos 2.000, cun total de 1.993 (-28); seguida da da Coruña-Cee, con 1.606 (-53).

En canto a Pontevedra-O Salnés, ten este martes 1.137 pacientes de coronavirus (-19), mentres que as restantes contabilizan menos dun milleiro: Lugo-A Mariña-Monforte, con 935 (-16); Santiago-Barbanza, con 845 (-15); Ferrol, con 681 (-20); e Ourense-Verín-O Barco, con 449 (-9).

Sanidade tamén recolle que desde o principio da pandemia diagnosticouse de covid-19 en Galicia a un total de 52.472 persoas, das que 43.618 curáronse, 425 nas últimas 24 horas.

Continúa subindo a cifra de mortos, que ascende a 1.211 tras as seis novas vítimas.

HOSTALARÍA

O comité clínico galego analiza este martes o plan de desescalada trasladado pola Xunta ao sector hostaleiro, un documento que propón unha reapertura progresiva dos establecementos en catro niveles vinculados á situación epidemiolóxica de cada territorio nun momento dado. Ademais, prevese que se aborden as medidas que se aplicarán en Galicia na ponte da constitución.

O texto propón unha fase uno, como a que viven agora os territorios con peche perimetral, sen actividade na hostalería.

A partir de aí, naquelas áreas que melloren, os establecementos poderán abrir inicialmente ata as 17.00 horas, cun aforo restrinxido ao 30% en interiores e 50% en terrazas e, en principio, só para conviventes. Este é o nivel dous.

A continuación, en canto os parámetros de cada área vaian mellorando, os aforos incrementaranse ao 50% en interiores e 75% en terrazas (nivel tres) e ao 100% (nivel catro), mentres que os horarios ampliaranse ata as 23.00 horas e os grupos estarán limitados a seis persoas non conviventes.

0.19253492355347