Barreiros abrirá a escola infantil cun protocolo propio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 sep 2020

O Concello de Barreiros contratou a elaboración dun protocolo específico para a escola infantil municipal adaptado ás circunstancias concretas da instalación, persoal e crianzas.

A concelleira de educación, Montse Porteiro, explicou que “dado que o protocolo establecido pola Xunta de Galicia para os seus centros infantís non se adapta ás necesidades concretas da escola infantil de Barreiros, apostamos pola elaboración dun protocolo propio por parte da empresa de prevención de riscos que aporte a máxima seguridade ás nais e pais das crianzas usuarias do centro.”

A posta en marcha do mesmo fai que a apertura do centro se atrase ata o 15 de setembro, co fin de aplicar todas as medidas posibles de seguridade na prevención e freo da transmisión da covid-19.

Desde o Concello de Barreiros sinalan que “somos conscientes da necesidade dun control estrito nas medidas sanitarias que se leven a cabo nos centros, por iso ampliamos as medidas xenéricas e adaptamos as instalacións e rutinas á nova situación, para tratar de garantir a máxima seguridade posible.”

Nos vindeiros días serán convocadas reunións coas familias para trasladarlles as pautas de actuación do persoal e das propias familias, entre as que se inclúen entradas escalonadas no centro, toma de temperatura en varias ocasións ao largo da estancia na escola, establecemento de quendas para a limpeza e aireado das estancias durante a xornada ou a necesidade de contar con roupa de abrigo e calzado exclusivo para o uso na escola infantil por parte das nenas e nenos.

A posta en marcha destas medidas require tamén de pequenas actuacións nas instalacións como o establecemento de sistemas de peche que permitan airear, a colocación de taquillas para o persoal ou a división do patio exterior para o seu uso polos distintos grupos.

0.21313810348511