Barreiros acolle unha exposición fotográfica de Xosé Reigosa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Dec 2019

Coincidindo co Día Mundial das Migracións inaugurouse en San Miguel de Reinante, nas antigas escolas habaneras, construidas a principios do século XX pola Sociedade Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana, a exposición Culturas en Diálogo – Somos migrantes, abrimos camiños. A exposición poderase visitar ata o 30 de decembro.

Unha exposición que recolle unha parte da historia da nosa emigración Esta exposición, elaborada e deseñada pola Rede Museística Provincial de Lugo, da Área de Cultura da Deputación e que está circulando por todo o país desde 2014, pertence ao proxecto de museoloxía social e diálogo intercultural denominado Culturas en Diálogo Lugo-Arxentina, proxecto no que participaron e colaboraron diversas asociacións e persoas vencelladas a diferentes actividades artísticas e culturais de ambas beiras do Atlántico fomentando o intercambio de culturas. Entre os artistas que colaboraron está tamén o fotógrafo barreirense Xosé Reigosa.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago foi a encargada de guiar aos asistentes nesta exposición, explicando a mesma, acompañada pola presidenta do Seminario de Estudos “Os Espigueiros” Noela Fernández Soto, a deputada provincial Mónica Freire Rancaño e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, que tamén interviron no acto de inauguración.

A Rede Museística Provincial de Lugo, o Concello de Barreiros e o Seminario de Estudos Os Espigueiros escolleron as antigas escolas habaneras de San Miguel de Reinante para esta exposición, polo significado e a historia que este noble edifico atesoura, memoria viva da emigración barreirense e mariñá a América a finais do século XIX e principios do XX. Na exposición, ademais de fotografías e material relacionado coa emigración a Arxentina e Uruguay poderase contemplar tamén parte do fondo fotográfico e documental sobre a emigración a Cuba, recopilado polo Seminario de Estudos Os Espigueiros, de San Miguel.

O antigo Edificio Escolar da Sociedade Hijos de San Miguel y Reinante, construido a principios do século XX, foi remodelado e rehabilitado pola Área de Cultura da Viceprensidencia da Deputación no ano 2013, invertindo no mesmo a entidade provincial 310.775,80 euros, e desde aquela alberga numerosas actividades culturais, sociais, educativas e de lecer, organizadas por diferentes asociacións do concello, seguindo así o ronsel e a filosofía das súas orixes primixenias que tan ben definiron aqueles filántropos da diáspora.

0.11791300773621