Barreiros comezou os traballos de desbroce e adecentamento coas miras postas no verán

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello comezou os traballos de desbroce e adecentamento dos paseos, zonas verdes e aparcamentos coas miras postas na tempada forte de verán, que a piques está de iniciarse.
62472380_2197802860274802_49647451119812608_n
24 Jun 2019

O Concello comezou os traballos de desbroce e adecentamento dos paseos, zonas verdes e aparcamentos coas miras postas na tempada forte de verán, que a piques está de iniciarse. A alcaldesa, Ana Ermida, agradece a colaboración das traballadoras e traballadores municipais e das empresas locais que hoxe estiveron a traballar para tentar ofrecer a mellor imaxe posible de Barreiros.
A rexedora explicou que “nesta mesma semana iniciado o goberno municipal comezamos cos traballos de adecentamento do concello para a tempada de verán e fixémolo coa inestimable colaboración das traballadoras e dos traballadores municipais, que fixeron labores de recollida de residuos e de desbroces para intentar dar a mellor imaxe posible de Barreiros”.
Ana Ermida contou que “nesta mesma fin de semana comezáronse os desbroces na zona costeira, tanto paseos marítimos como zonas verdes como os propios aparcamentos, para intentar que cando se inicie a tempada forte de verán estean no mellor estado posible para que tanto visitantes como veciñas e veciños teñan esa imaxe de Barreiros que nunca se debeu perder”.
A alcaldesa tivo palabras de agradecemento para todos eles, para empregadxs municipais e para os empresarios e traballadores de empresas locais: “queremos agradecer ás empresas que hoxe mesmo dedicaron o seu traballo a colaborar co Concello de Barreiros para que se puideran iniciar estas labores xa de inmediato, porque o tempo de planificación foi moi escaso, tendo en conta que hai cinco días que comezou o novo goberno. A colaboración foi inmensa por parte de todas as persoas coas que se contactou e tamén, como dicía, das empregadas e empregados municipais que se prestaron sen ningún tipo de problema a coordinar e a realizar estas labores”.
A rexedora de Barreiros engadiu: “queremos agradecer a dispoñibilidade de todas e todos eles, empregados tamén de empresas locais que se puxeron a disposición do Concello para poder realizar, coa premura que require, estas funcións.
Ermida subliñou que “todo o mundo o que pretende é arrimar o hombreiro para conseguir que Barreiros volva brillar con luz propia, que teñamos esa imaxe que nunca debemos perder e desde logo estamos seguros que nos vindeiros anos se poderá facer unha labor moito máis importante e máis planificada. Pero desde logo o que queremos é agradecerlle a todo o mundo a súa disposición, agradecer que a día de hoxe xa sexa posible ver zonas habilitadas para aparcamento, ver zonas de esparcemento segadas, ver os paseos comezados a desbrozar e iso non sería posible sen esas colaboracións das que falamos. E nese sentido desde o goberno municipal queremos agradecelo porque cremos que da mostra da necesidade e das ganas que existen en Barreiros por facer que este concello estea noutro lugar e se dea outra imaxe”.
Os traballos realizados ao longo do día de hoxe foron supervisadas por Ana Ermida na compañía dos edís Montse Porteiro e Antonio Veiga.   


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1657338142395