Barreiros organiza a I Xornada de Voluntariado Verde este sábado

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Barreiros organiza a I Xornada de Voluntariado Verde que se celebrará este sábado 29 de xuño, unha cita que ten por obxecto o adecentamento de espazos verdes do municipio, así como doutros lugares de esparexemento.
27 Xuño 2019

O Concello de Barreiros organiza a I Xornada de Voluntariado Verde que se celebrará este sábado 29 de xuño, unha cita que ten por obxecto o adecentamento de espazos verdes do municipio, así como doutros lugares de esparexemento. A  alcaldesa, Ana Ermida, explica que “o pasado 5 de xuño tivo lugar o Día Mundial do Medio Ambiente, unha cita que convida a pensar na necesidade de prestar atención ao entorno natural e previr ou minimizar as accións que o impactan, así como a poder desfrutar do medio natural, a mantelo en bo estado e a que todas as persoas actúen en pro disto”.
Nesta primeira ocasión, coincidindo co comezo da época estival, será a zona de praias o lugar no que se desenvolverá esta actividade; mais prevese continuar por outras, tanto de importancia turística como o entorno do Camiño de Santiago, como por zonas residenciais habituais.
En palabras de Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros “case todas as persoas podemos poñer o noso grao de area contribuíndo a crear un mellor espazo de convivencia. Neste caso, tamén pola situación de deixadez na que se atopa o noso municipio e a imposibilidade de facer fronte con máis premura e medios, consideramos que esta debía ser a primeira acción do voluntariado, pois todas as persoas podemos ser usuarias destes espazos e agradecemos cando os atopamos en bo estado”.
Desde o Concello prevese tamén continuar nesta liña de mantemento de espazos limpos mediante labores de concienciación e sensibilización co medio ambiente, especialmente no que respecta á recollida de residuos, e de forma máis inminente e insistente na zona de praias e en período estival, debido ao elevado volume de persoas que fai uso destas zonas.
Con esta primeira acción, o Concello de Barreiros quere reimpulsar a xa existente Rede Local de Voluntariado. Ademais do voluntariado verde, cabe a posibilidade de tomar parte noutras actividades relacionadas coa dinamización social ou a asistencia e colaboración con persoas maiores ou en situación de dependencia. Calquera persoa que desexe participar poderá facelo en todos aqueles ámbitos que queira.
Desde o Concello animan a tomar parte nesta acción e, tal e como apunta Ana Ermida, “facemos falta todas e todos para que Barreiros volva brillar. E estamos a apreciar moitas ganas de aportar por parte de moita xente, ganas de ver un Barreiros mellor, con ilusión. Hai moitas veciñas e veciños que nos están a trasladar a súa disposición a colaborar, e o que se pretende é aproveitar este voluntarismo en beneficio de Barreiros”.
O prazo para anotarse no grupo de voluntariado xa está aberto. Pode facerse de forma presencial no Concello, no teléfono 982.12.40.02 ou online.
As persoas que desexen solicitar máis información poden facelo escribindo a info@concellodebarreiros.com

0.18417620658875