Barreiros suspende o cobro de recibos de varios servizos municipais

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Apr 2020

O Concello de Barreiros vén de anunciar a suspensión da emisión dos recibos municipais correspondentes aos servizos que sofren algún tipo de modificación nestes momentos a raíz da situación xerada polo estado de alarma.

A alcaldesa explica que "se adoptou esta decisión sabendo que a situación que están a vivir moitas persoas é moi delicada tamén no económico" e adianta que "unha vez que sexa posible avaliar as consecuencias e o alcance real desta situación, estudarase a adopción de outras medidas que poidan axudar a sobrelevar as consecuencias que se produzan."

Polo tanto, as persoas usuarias dos servizos municipais da escola infantil, ximnasio, servizo de axuda no fogar ou aquelas que teñan espazos municipais alugados, non terán que facer fronte ao custo dos mesmos namentres dure o estado de alarma.

"Son servizos que sufriron modificacións na súa prestación a consecuencia do decreto do estado de alarma e, a esperas de saber como se vai poder afrontar a situación que resulte, pareceunos prudente suspender temporalmente a emisión de recibos, ata adoptar as medidas que sexa posible unha vez superada esta situación de crise sanitaria", afirma Ana Ermida.

Nese sentido, a alcaldesa apuntou  que "posteriormente, unha vez que a situación, o seu alcance e os datos poidan estar máis claros, constituirase unha mesa ou comisión, con participación de todos os grupos políticos e tamén asesoramento técnico para analizar propostas e poder adoptar medidas."

Desde o concello sinalan que "na actual situación de incertidume social e económica e tendo en conta a situación da economía municipal non é posible adoptar medidas máis profundas sen un rigoroso estudo das consecuencias."

0.16755318641663