Baruk Domínguez pasa a dirixir a asociación da Banda de Vilalba
A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) vén de renovar a súa xunta directiva ata o ano 2026, con Baruk Domínguez Grandío como presidente da entidade. O novo responsable da asociación xa era vogal da anterior directiva, e mesmo exerceu o cargo de vicepresidente en épocas anteriores, labor compartido con outras responsabilidades dentro do tecido asociativo vilalbés.
Na asemblea xeral ordinaria celebrada o pasado sábado 16 de marzo, na que se levou a cabo o cambio -ademais de repasar as actividades realizadas o pasado ano e o proxecto para o actual-, Domínguez quixo agradecer o traballo realizado pola anterior directiva, da que marchan persoas que levan “toda unha vida” na banda, como é o caso da anterior presidenta, Alejandra Vázquez Noche, que “estivo á fronte da mesma en diferentes etapas”; ou os directivos Ramón Guntín Mato e José Ramón Saborido Roca, que “xa estaban na banda incluso desde antes da constitución oficial da agrupación como asociación cultural”.
Tamén deixa a directiva Marta Pumares Guntín, pertencente a unha xeración posterior, pero que leva “desde moi nena” formando parte da “familia” da Banda de Música de Vilalba.
Experiencia e xuventude
A nova xunta directiva será unha mestura de “experiencia e xuventude”, sinalou Domínguez, xa que ao seu carón contará con algunhas persoas que “son da banda desde hai anos”, pero que nunca formaron parte do “equipo directivo”, como é o caso da nova secretaria, Alba Irimia Paz, e do novo tesoureiro, Xosé Fernández Rodríguez.
Asemade, as dúas persoas que serán vogais son tamén “representantes, en certa medida, dos pais e nais da Minibanda”, xa que ambos os dous, Rocío Castelo Rey e Francisco López Fernández, son proxenitores dalgúns dos nenos que conforman este proxecto de futuro.
Como “continuidade e alicerce dos proxectos xa iniciados e dos que están aínda por vir”, tamén cabe destacar a presenza de Daniel Veiga Roca, director artístico e musical da agrupación, como vicepresidente do colectivo -xa formaba parte da anterior directiva na función de secretario-.
No tocante aos proxectos do futuro máis próximo, a Banda de Música de Vilalba participará nunhas semanas en dúas iniciativas moi importantes dentro da programación sociocultural da capital chairega: o Festival Solidario de Mans Unidas, que se celebrará o sábado 20 de abril no Auditorio Municipal Carmen Estévez; e o Festival Independiente de Vilalba (FIV) que se celebrará ao longo da fin de semana seguinte, actuando a banda o sábado 27 a mediodía na Praza da Constitución.
“Amiguiño (e compañeiriño) das ondas”
No apartado do traballo xa efectuado, nestes días vén de publicarse un novo episodio de O Podcast da Banda, o proxecto radiofónico propio que a asociación vén mantendo dende case un ano.
O novo capítulo, titulado Amiguiño (e compañeiriño) das ondas, é unha conversa amena, diversa e en profundidade cun gran artista vilalbés que formou parte da Banda de Música de Vilalba desde que era un pícaro, o percusionista e debuxante Pablo del Valle.
Pablo, que estes días está a ser noticia pola súa participación na XVI edición dos Premios MIN de la Música Independiente co seu traballo Ondas do Mar, falou dos seus proxectos artísticos e musicais, das súas lembranzas como membro da banda, das súas inquedanzas sobre o panorama creativo actual e, tamén, do que intenta transmitirlle ao seu alumnado dos conservatorios de Vilalba e Lugo -onde actualmente está a realizar unha substitución-.