Bátega Teatro representa este domingo en Vilalba a obra 'O Pano'

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, anunciou a representación da obra O Pano, a cargo do grupo Bátega Teatro, dentro do Circuíto de Teatro Profesional financiado e patrocinado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A función terá lugar o domingo 23 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entrada de balde aínda que será necesaria reserva previa na web entradasvilalba.es ou a través da páxina do Concello.
O Pano é unha montaxe multidisciplinar que combina drama, musical e ciencia ficción, dirixida a público a partir dos 12 anos e cunha duración de 60 minutos. A obra narra as vidas de dúas mulleres, Celia e Sau, unidas por unha conexión atemporal. Celia vive en 1924 e sofre as consecuencias da violencia patriarcal e o estigma social, que acaban por deixala nun limbo emocional. A través das lembranzas da II República, a Guerra Civil e a posguerra, reconstrúe a súa vida grazas ao apoio doutras mulleres.
Sau, pola súa banda, vive no ano 2040, nun mundo onde todas as persoas levan un microchip de seguridade e no que as mulleres continúan sendo xulgadas e agredidas cada día. Ambas as historias cruzan o tempo para reflexionar sobre o pasado, o presente e o futuro da violencia contra as mulleres.
A obra está escrita e dirixida por Raquel L. Cendán e conta cun elenco formado pola propia Cendán e por Ero Vázquez Cabrera.
Bátega Teatro, creado en 2015, destaca pola súa aposta por montaxes que combinan música, humor, poesía e monólogos. Ao longo dos anos produciu espectáculos como A fábrica e a tristura, A síntese, A dúbida e a doutrina ou Amordazadas, consolidándose como un proxecto teatral con identidade propia dentro da escena galega.