Galicia, "na vangarda da loita contra o abandono coa aprobación da nova Lei de benestar animal"

TerraChaXa
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou, con motivo mañá da celebración do Día Mundial dos Animais, que ten lugar cada 4 de outubro, que o novo marco normativo de protección e benestar animal, aprobado recentemente en sede parlamentaria, sitúa a Galicia na vangarda da loita contra o maltrato e o abandono.
Beatriz Mato nas instalacións da Asociación Protectora de Animais Gatocán.
3 Out 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou, con motivo mañá da celebración do Día Mundial dos Animais, que ten lugar cada 4 de outubro, que o novo marco normativo de protección e benestar animal, aprobado recentemente en sede parlamentaria, sitúa a Galicia na vangarda da loita contra o maltrato e o abandono. Así o manifestou durante a súa visita hoxe instalacións da Asociación protectora de animais Gatocán, en Coirós, que enxalzou polo seu coidado e atención aos animais abandonados.

Así, a titular de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recordou que a nova Lei de protección e benestar animal regula por primeira vez en Galicia diversas figuras desenvolvidas nas últimas décadas polos cidadáns para paliar a situación de abandono animal, como son os fogares de acollida e as colonias felinas, no que a asociación Gatocán é un referente comarcal, que na actualidade ten nas súas instalacións 240 animais, 90 cans e 150 gatos.

Neste senso, Beatriz Mato lembrou que a norma naceu froito do diálogo e participación dos axentes sociais, non en balde, recolle a creación do Comité Consultivo para a Protección Animal, como órgano de estudo, consulta e asesoramento adscrito á Consellería de Medio Ambiente, no que están representados estes colectivos.

Deste xeito, o obxectivo común é “concienciar á cidadanía ante os problemas do maltrato e do abandono animal”, por iso, a nova Lei “convértese nunha ferramenta útil para a promoción da adopción dos animais abandonados e a loita contra os malos tratos físicos e psíquicos”. A finalidade, dixo Beatriz Mato, é que Galicia sexa unha Comunidade libre de abandono, polo que a Consellería de Medio Ambiente realizou un estudo para coñecer a realidade en materia de centros de recollida e elaborar, no menor tempo posible, unha proposta que garanta a cobertura e a atención aos animais abandonados.

Cómpre recordar que a nova Lei prohibe o sacrificio, permitíndose só en situación moi puntuais que un veterinario xustifique debidamente, así como as condutas que supoñan determinadas mutilacións por razóns de tipo racial ou estéticas ou a presenza e utilización dos animais silvestres nos circos. Tamén se recolle a obriga clara e específica da identificación mediante microchip para todos os animais da especie canina, ademais de para todos os exemplares de especies potencialmente perigosas.

0.18556308746338