Begonte abre o prazo para os permisos da noite das fogueiras

Con motivo da celebración da festividade de San Xoán, o Concello de Begonte fixo pública a normativa para levar a cabo as tradicionais fogueiras.
Deberán presentar unha comunicación previa, no rexistro xeral do Concello antes do próximo día 20 ás 14.00 horas.
As persoas titulares das fincas nas que se realicen as fogueiras serán responsables dos danos que poidan ocasionarse como consecuencia das mesmas. Unha vez rematada a queima, será obrigatorio recoller todos os restos xerados.
As fogueiras deberán realizarse exclusivamente en parcelas privadas sen acceso ao público xeral. Non estará permitido facelas en vías públicas pavimentadas, zonas verdes, xardíns, nin en lugares próximos a liñas eléctricas, inmobles ou outros espazos onde se poida crear unha situación de perigo.
Será necesario respectar unha distancia mínima de 12 metros lineais entre a fogueira e a vexetación, vivendas ou edificios máis próximos. A altura máxima permitida da fogueira será de 14 metros e o diámetro da zona de combustión non poderá superar os 6 metros.
Para a queima, só se permitirá o uso de leña, ramas, troncos de árbores ou outros materiais de madeira. Está totalmente prohibido empregar materiais inflamables como rodas, cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como produtos contaminantes, explosivos, fedorentos ou tóxicos.
Será obrigatorio apagar completamente a fogueira antes de abandonar o lugar. No caso de que haxa vento, non estará permitido proceder ao prendido da mesma.