Begonte acolle este luns un curso sobre o ciberacoso

O Concello de Begonte, en colaboración coa Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), organiza unha xornada gratuíta sobre acoso escolar e ciberacoso que se desenvolverá o luns 29 de setembro na Casa da Cultura. A actividade terá lugar en horario de 16:00 a 22:00 horas e diríxese a toda a veciñanza interesada en afondar nun tema de gran relevancia social e educativa.
A proposta busca ofrecer información, recursos e ferramentas para identificar e previr situacións de acoso entre iguais, así como as súas consecuencias no ámbito escolar e nas redes sociais. Ademais, pretende fomentar a implicación de familias, profesorado e comunidade na creación de contornos seguros e respectuosos, tanto no día a día como no espazo dixital.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente nas oficinas do Concello de Begonte ou chamando ao teléfono 982 39 61 43.
Con esta iniciativa, o Concello de Begonte reafirma o seu compromiso coa educación en valores, a convivencia e a loita contra calquera forma de violencia ou discriminación que afecte á infancia e á mocidade.