Begonte acolle este sábado a proxección do documental 'O médico dos pobres'

TerraChaXa
A xornada completarase cun coloquio ao remate da proxección
o-medico-dos-pobres
9 Apr 2026

A Casa da Cultura de Begonte será escenario este sábado 11 de abril, a partir das sete da tarde, da proxección do documental O médico dos pobres, unha actividade organizada pola asociación Castiñeiro Milenario de Begonte.

O filme, dirixido por Federico Rioboo, afonda na recuperación da memoria histórica arredor do asasinato de Manuel Díaz González, médico e alcalde do Incio, que foi executado durante a Guerra Civil española por falanxistas. A través de diversas testemuñas e dun traballo de investigación coral, o documental busca reconstruír os feitos e contribuír a esclarecer un episodio marcado pola represión e o silencio.

A obra toma como fío condutor o libro Sementes e memoria. Morte e evocación dun médico republicano, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista. Foi precisamente este quen iniciou a investigación sobre a vida do seu tío a partir dun achado casual no ano 1978: unha nota manuscrita a lapis, redactada polo pai do médico asasinado, na que se podía ler “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manuel os fascistas”. Este descubrimento levou a profundar nunha historia que, ata entón, permanecía envolta na incerteza.

A xornada completarase cun coloquio ao remate da proxección, no que os asistentes poderán compartir impresións e reflexionar sobre o contido do documental e o seu contexto histórico.

0.1275360584259