Begonte acolle un curso de coidados para maiores
O Concello de Begonte, en colaboración coa Escola Galega de Saúde, organizan o próximo 11 de abril un curso de mobilización e coidados de persoas dependentes. Este curso, que se desenvolverá de 16.30 a 19.00 horas, é gratuíto e está dirixido a pacientes, familiares e cidadanía en xeral.
O obxectivo do mesmo é dotar de habilidades ós coidadores de maiores en mobilización, cambios posturais e hixiene postural e crear un foro onde os coidadores e profesionais sanitarios poidan intercambiar experiencias sobre coidados de saúde.
O curso será impartido pola docente Olga Roca Bergantiños, enfermeira da área sanitaria de Lugo. O prazo de inscrición remata o 7 de abril e as prazas son limitadas. Pode facerse a través do correo deportes@concellodebegonte.es, por whasapp no 619 455 026, no teléfono 982 396 143 ou presencialmente no Concello.
Durante o curso falarase dos coidados en dependentes e as súas técnicas de mobilización de persoas con dificultade da mobilidade, prevención de caídas; así como a hixiene postural. Tamén se tratará sobre recomendacións a hora de aplicar unha técnica de mobilización, tipos de técnicas e mobilización de encamados.