Begonte acolle un curso sobre novas oportunidades de aproveitamentos forestais centrado na resinación

O Concello de Begonte organiza unha nova actividade formativa centrada nas oportunidades que ofrece o aproveitamento da resina en Galicia. O curso, titulado Aproveitamento da resina, comezará o venres 10 de outubro ás 16:00 horas na Aula da Natureza do municipio e terá unha duración total de 20 horas acreditadas.
A formación, dirixida tanto a persoas vinculadas ao sector forestal como a quen desexe iniciarse nel, será impartida por profesionais especializados coa colaboración da asociación Promo Resina Galicia. O obxectivo é dar a coñecer o potencial económico e ambiental da resinación como alternativa sostible e xeradora de emprego no medio rural galego.
Esta iniciativa enmárcase dentro das accións de divulgación e formación sobre aproveitamentos forestais promovidas polo Concello de Begonte e conta con financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico aulanaturezaconcellodebegonte@gmail.com
ou nos teléfonos 982 39 61 43 e 618 70 94 73.