Begonte acollerá un curso de habilidades para a crianza dirixido a persoas adultas

O Concello de Begonte, en colaboración coa Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), organiza un curso gratuíto sobre habilidades para a crianza, dirixido a persoas maiores de 18 anos. A actividade desenvolverase o vindeiro 21 de outubro, en horario de 16:00 a 21:00 horas, na Casa da Cultura de Begonte.
O curso ofrecerá contidos orientados a mellorar as competencias emocionais, educativas e parentais, así como a promover unha parentalidade positiva e o desenvolvemento dun apego seguro nas relacións familiares. Ademais, incluiranse actividades prácticas destinadas a traballar diferentes aspectos das competencias parentais.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 982 39 61 43 ou acudindo ás oficinas do Concello de Begonte hoxe como último día.
Esta iniciativa enmárcase nas accións formativas impulsadas polo Concello e Afammer para apoiar ás familias do medio rural, ofrecendo ferramentas útiles para favorecer o benestar infantil e fortalecer os vínculos familiares.