Begonte acollerá un curso para fomentar a independencia e a responsabilidade na infancia e adolescencia

Co obxectivo de apoiar ás familias no proceso de fomentar a autonomía e a responsabilidade dos seus fillos e fillas, o Concello de Begonte, en colaboración coa Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), organiza un novo curso gratuíto dirixido a pais, nais e persoas coidadoras.
A formación ofrecerá ferramentas prácticas para acompañar ás crianzas e adolescentes no seu desenvolvemento persoal, favorecendo a súa confianza e seguridade. Entre os contidos do curso abordaranse aspectos como o equilibrio entre apoio e autonomía, a ensinanza da responsabilidade sen conflitos, a xestión do tempo e dos recursos, habilidades prácticas para a vida cotiá e a preparación para o futuro mediante o desenvolvemento de competencias para a vida.
O curso celebrarase o xoves 5 de xuño, en horario de 16:00 a 22:00 horas aproximadamente, na Casa da Cultura de Begonte.
As prazas son limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente no Concello de Begonte ou a través do teléfono 982 39 61 43.