Begonte contará cun curso para previr a violencia de xénero na infancia e adolescencia

O Concello de Begonte, en colaboración coa Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), organiza un curso gratuíto dirixido a familias co obxectivo de previr a violencia de xénero dende as primeiras etapas da vida. A iniciativa busca ofrecer ferramentas prácticas para educar na igualdade, promover relacións baseadas no respecto e contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
A actividade desenvolverase o luns 23 de xuño, en horario de 16:00 a 22:00 horas, na Casa da Cultura de Begonte. Ao longo da xornada abordaranse temas como a comprensión da violencia de xénero, a educación en igualdade dende a infancia, a identificación de sinais de violencia na adolescencia, a comunicación coas crianzas sobre esta temática e o papel activo das familias na prevención.
As prazas son limitadas, polo que é preciso realizar a inscrición previa no propio Concello de Begonte ou chamando ao número de teléfono 982 39 61 43. Esta acción formativa enmárcase no compromiso municipal pola loita contra a violencia de xénero e a promoción dunha cultura de igualdade dende a base.