Begonte acollerá unha charla sobre enfermidades reumáticas o vindeiro mércores

O mércores 28, ás 16:00 horas, a Casa da Cultura de Begonte será o escenario dunha charla aberta á comunidade organizada pola Liga Reumatolóxica Galega, en colaboración co Centro de Día de Begonte. A actividade enmárcase no Programa de Acompañamento a maiores con risco de fraxilidade e enfermidades reumáticas para persoas coidadoras.
Durante a sesión abordaranse diversas enfermidades reumáticas como a fibromialxia, artrite reumatoide, lupus eritematoso sistémico, artrose, polimialxia, osteoporose, síndrome de Sjögren, esclerose sistémica, vasculites e espondiloartrites, entre outras.
A participación na charla é gratuíta, pero será necesario inscribirse previamente a través dos teléfonos do centro: 687 056 194 ou 982 398 004. A iniciativa pretende ofrecer información e apoio tanto ás persoas afectadas por estas patoloxías como ás súas coidadoras, promovendo o coidado da saúde e a prevención desde unha perspectiva comunitaria.