Begonte arranca co seu programa de Nadal
O Concello de Begonte arrincou estes días co seu programa de Nadal, no que o acto estrela será o Mercado previsto para esta fin de semana na praza Irmáns Montenegro.
Aínda así hai preparadas distintas actividades culturais orientadas para todos os públicos pero especialmente dirixidas aos máis pequenos da casa.
As primeiras actividades deron comezo este xoves cunha audición de piano e continuará esta tarde con outra de fagot. Será ás 19.00 horas e está organizada pola Escola Municipal de Música na casa da cultura. Así mesmo, este mesmo colectivo realizará este sábado, ás 10.30 no centro sociocultural unha nova audición de percusión.
O mércores 22 retomarase a programación cunha representación da obra O Lazarillo do Miño, a cargo de Pinchacarneiros. Terá lugar ás 18.00 horas na casa da cultura financiada pola vicepresidencia da Deputación.
O xoves 23 os pequenos recibirán unha visita moi especial, a de Papá noel, que poderá verse no telecentro de Begonte a partir das 16.30 horas. Debido a cuestións de aforo, será preciso inscribirse antes.
O ano rematará en Begonte coa obra de teatro A Borralliña, a cargo de Os Palimoquiños, que se representará o día 29 ás 18.00 horas na casa da cultura.
A seguinte actividade do programa está reservada para o día 3 de xaneiro, con sesión de cine, ás 17.30 horas no salón de actos. Rematarán coa esperada cabalgata dos Reis Magos o mércores 5 no pavillón municipal de Begonte. Haberá establecido un sistema de quendas horarias para evitar aglomeracións.
E durante este tempo continúa aberto o belén electrónico, declarado de Interese Turístico de Galicia que estará aberto de 11.00 a 13.00 e de 15.00 a 19 horas. Entre o 24 e o 6 de xaneiro pode visitarse todos os días, pero antes e despois só as fins de semana. Haberá que reservar no 982 296 121 ou na web. Pechará oi día 29 de xaneiro.