Begonte arranca o seu programa de Nadal con audicións trala posta en marcha do Belén

O Concello de Begonte presentou a súa programación especial de Nadal 2025/2026, unha ampla axenda de actividades culturais, deportivas e familiares que se prolongará desde comezos de decembro ata o Día de Reis. A proposta combina tradición, música, espectáculos e iniciativas solidarias, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para todas as idades e dinamizar a vida social do municipio durante estas datas festivas.
Un dos grandes atractivos volverá a ser o Belén Eletrónico de Begonte, declarado de Interese Turístico pola Xunta de Galicia, que poderá visitarse ata o 7 de xaneiro en distintos horarios, incluídos fins de semana e festivos. Ademais, haberá opción para grupos mediante reserva previa. Paralelamente, durante a primeira metade de decembro desenvolverase a campaña municipal de recollida de alimentos, coordinada polo Concello.
A programación inclúe múltiples audicións organizadas pola Escola de Música de Begonte e pola sede de Baamonde, con actuacións de guitarra, percusión, trombón, gaita, baile tradicional e outras especialidades. Tamén se celebrarán citas destacadas como a IV Carreira Solidaria San Faiuquiño do CEIP Virxe do Corpiño, que terá lugar o 17 de decembro, así como o acendido oficial das luces de Nadal o día 19, acompañado dun concerto da banda infantil ou a actuación dos Bolechas, o día 14.
O Mercado de Nadal converterase de novo nun dos epicentros das festas, con actividades os días 20 e 21, entre elas a visita de Papá Noel e a I Gala Internacional de Maxia, que terá lugar o 20 de decembro pola tarde. As actividades continuarán despois do Nadal coa excursión a Xuvenlugo o 26 de decembro e o partido da Liga ACB entre o CB Breogán e o Baskonia o día 29, con prazas dispoñibles mediante inscrición previa.
O novo ano abrirase cun partido da Primeira División Feminina de Fútbol Sala o 3 de xaneiro, mentres que o 5 terá lugar a tradicional Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, prevista para a praza do Concello e con alternativa baixo cuberto en caso de choiva. O programa pecharase o 6 de xaneiro coa II Carreira de Reis Begonte do Belén, que rematará no propio Belén Electrónico.
Con esta completa oferta de propostas, o Concello de Begonte desexa que todas as familias poidan gozar dun Nadal cheo de actividades, encontro social e espírito festivo, e traslada aos veciños e visitantes os seus mellores desexos para estas datas.