Begonte celebra a Festa da Xuventude 2025 o vindeiro 17 de maio

O Concello de Begonte acollerá o vindeiro 17 de maio unha nova edición da súa esperada Festa da Xuventude, unha xornada chea de música, deporte, gastronomía e diversión para todas as idades, nun escenario privilexiado como é o Club Fluvial de Begonte.
A programación comezará ao mediodía cunha animada sesión vermú a cargo do dúo Venus. Pola tarde, a festa continuará con múltiples actividades tanto para maiores como para cativos, entre as que destacan o III Open de Futbolín Concello de Begonte, en colaboración coa Peña Futbolín Bola Meiga; un campionato de tute; unha festa do baloncesto coa presenza de Máximus, a mascota do C.B. Breogán; xogos populares, inchables gratuítos e unha xornada de billarda organizada pola Asociación Cultural Castiñeiro Milenario.
Os interesados en participar no campionato de tute, que dará comezo ás 17.00. horas, deberán facelo previamente, antes do 14 de maio. Para dos dous gañadores haberá 200 euros máis trofeo e para o terceiro e os tres do grupo de repesca haberá agasallos.
Ao remate da tarde, os asistentes poderán gozar dunha cea popular que incluirá bebida, empanada, churrasco e chourizo. A noite culminará cunha gran verbena protagonizada pola orquestra Cinema e a Fania Blanco Show, na que tamén participará o artista local Carlos Cereijo Silvosa. O peche da festa estará a cargo do tamén veciño DJ Ello (Diego Ello), poñendo o broche final a unha xornada festiva pensada para todas as xeracións.
O prezo do Pack Festa da Xuventude é de 15 euros e inclúe a cea, unha camiseta, unha bolsa e unha pulseira conmemorativa. Os packs estarán dispoñibles a partir do 23 de abril nas oficinas do Concello de Begonte, en horario de 9:00 a 14:30 horas.
O Concello convida a toda a veciñanza e visitantes a reservar o 17 de maio para participar desta cita festiva xa consolidada no calendario local.