Begonte celebrou os 106 anos de María Carmen García López, veciña de Illán

O Concello de Begonte sumouse neste mes de marzo á celebración dun aniversario moi especial, o de María Carmen García López, veciña da parroquia de Illán, que acadou os 106 anos de vida.
Con motivo desta destacada efeméride, o alcalde, José Ulla, acompañado da concelleira de Cultura, Sonia Varela, achegouse ata o seu domicilio para trasladarlle persoalmente os parabéns en nome de toda a veciñanza e facerlle entrega dun agasallo como mostra de recoñecemento.
Desde o Concello destacaron a traxectoria vital de Carmen, á que consideran “un exemplo de vida e fortaleza”, e puxeron en valor a importancia de celebrar datas tan significativas que reflicten a memoria e a historia viva do municipio.
A homenaxe desenvolveuse nun ambiente agarimoso e emotivo, no que non faltaron as mostras de afecto cara á protagonista, que continúa a sumar anos cunha vitalidade admirable.