Begonte organiza un curso gratuíto para aprender a crear contido con intelixencia artificial

TerraChaXa
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de marzo chamando ao teléfono 982 396 143 ou de maneira presencial no Concello
curso-mundo-dixital-begonte
16 Mar 2026

O Concello de Begonte convocou un curso presencial gratuíto co obxectivo de achegar á veciñanza o uso práctico da intelixencia artificial aplicada á creación de contidos. A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 18 anos e desenvolverase no Telecentro de Begonte, na aula de informática, os días 7, 9, 14 e 16 de abril de 2026 en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Segundo informou o consistorio, esta acción formativa permitirá ás persoas participantes aprender a sacar partido ás ferramentas de intelixencia artificial, nun contexto no que estas tecnoloxías están gañando cada vez máis presenza tanto no ámbito profesional como no persoal.

O curso forma parte dunha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios dentro do programa Generación D, promovido por Red.es e polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Ademais, está financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cos fondos Next Generation da Unión Europea.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de marzo. As persoas interesadas en participar poden apuntarse chamando ao teléfono 982 396 143 ou de maneira presencial no Concello de Begonte. Con esta proposta, o goberno local busca fomentar a formación dixital e facilitar o acceso da poboación adulta a novas ferramentas tecnolóxicas.

0.11821317672729