Begonte organiza unha excursión á tradicional Feira de Barcelos o 31 de xullo

TerraChaXa
O prazo para anotarse remata o xoves 24 de xullo
excursion-portugal-begonte
23 Jul 2025

O Concello de Begonte organiza para o xoves 31 de xullo unha excursión á coñecida Feira de Barcelos, en Portugal, unha das feiras máis tradicionais e con máis identidade do norte do país luso. A cita ofrece unha oportunidade única para coñecer un mercado rural profundamente enraizado na cultura popular, onde se poñen á venda produtos agrícolas locais, vaixelas típicas de Barcelos, os emblemáticos galos de cerámica, traballos en madeira, liños, bordados e moito máis.

Durante a viaxe de regreso, tamén está prevista unha parada na Fortaleza de Valença do Minho, outro dos grandes atractivos turísticos da rexión.

A actividade inclúe transporte en autobús, almorzo e comida, e ten un custo de 50 euros para persoas empadroadas en Begonte e 55 euros para non empadroadas. As prazas son limitadas a 50 persoas, que se cubrirán por orde de inscrición nas oficinas do concello.

Para formalizar a inscrición, será necesario cubrir o modelo de solicitude, achegar o DNI, a tarxeta sanitaria e o xustificante de pago (o número de conta facilitarase na propia solicitude).

O prazo para anotarse remata o xoves 24 de xullo. Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nesta viaxe cultural e lúdica, perfecta para coñecer novas tradicións e desfrutar dunha xornada diferente.

⚙ Configurar cookies
0.17283487319946