Begonte prepara a Festa da Xuventude para o día 18
Begonte prepárase para celebrar o sábado 18 de maio a Festa da Xuventude, que organiza o Concello, unha celebración na que se busca ofrecer unha alternativa de ocio á xente moza do Concello cunha ampla programación.
A festa volve celebrarse no club fluvial de Begonte e abrirá a programación ao mediodía coa actuación do grupo Arizona en sesión vermú.
Durante a tarde desenvolveranse numerosas actividades. Unha delas consistirá na celebración do segundo Open de fútbolín de modalidade de parado, que se iniciará ás 16.00 horas. Haberá dúas categorías, con 8 premios na de Elite e catro na de primeira con recompensas de entre 600 e 30 euros para os participantes. A inscrición é gratuíta.
Outra das actividades da tarde será a festa do baloncesto, que terá lugar a partir das 18.00 horas no mesmo club fluvial coa participación de Maximus. Completa a programa vespertino un campionato de tute e unha xornada billardeira. Tamén están previstos xogos populares para todas as idades.
Á noite, ás 21.30 horas está programada unha cea, que inclúe bebida, empanada, chourizo e churrasco antes da música das orquestras Olympus e Arizona en sesión verbena.
Ademais, está prevista a fin de festa co DJ Ello.
O Concello ten á venda uns packs por 15 euros que inclúen a cea, unha camiseta, bolsa e pano para a cabeza. Os packs están xa á venda no Concello en horario de mañá.