Begonte prepara a Festa do Maior, que será este sábado día 10

O Concello de Begonte organiza unha nova edición da Festa da Terceira Idade o sábado 10 de maio, unha xornada de convivencia dirixida a todas as persoas maiores e xubiladas do municipio. Nesta celebración poderán participar os pensionistas maiores de 65 anos, así como os seus acompañantes, se así o desexan.
A programación comezará ás 13:00 horas cunha misa na igrexa parroquial de San Pedro de Begonte. Ás 14:00 terá lugar o xantar no Pavillón Municipal, seguido ás 16:00 horas dunha actuación musical e dun sorteo de agasallos. Os actos pecharanse ás 20:00 horas.
Para facilitar o desprazamento, o Concello ofrecerá un servizo de transporte de ida e volta desde todas as parroquias, sendo necesaria a inscrición previa para facer uso do mesmo.
O custo por persoa será de 10 euros para os pensionistas empadroados no concello, tanto maiores de 65 anos como menores que teñan recoñecida unha pensión da Seguridade Social por invalidez ou viuvez. Para o resto de participantes o prezo será de 40 euros.
Esta celebración busca promover o encontro e recoñecemento das persoas maiores, fundamentais para a vida social e cultural do concello.