Begonte prepárase para o Mercado de Nadal, no que haberá música, obradoiros e actividades para toda a familia

TerraChaXa
O Mercado de Nadal contará cun total de 45 postos nos que se poderá atopar artesanía, produtos gastronómicos, complementos, antigüidades e propostas creativas
primeiro-mercado-nadal-begonte-2021
19 Dec 2025

O Concello de Begonte celebrará esta fin de semana o seu Mercado de Nadal cun amplo programa de actividades que se desenvolverán entre hoxe, venres 19 e o domingo 21 de decembro, convertendo a vila nun espazo de encontro arredor da artesanía, a cultura e o lecer familiar.

Os actos comezarán ás oito da tarde co tradicional acendido das luces de Nadal, seguido dun concerto da banda infantil e dos ensaios abertos da Banda Municipal, coa participación das escolas de música mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

O sábado abrirá oficialmente o Mercado de Nadal ao mediodía. Ao longo da xornada haberá audicións de canto e percusión, un obradoiro de elaboración de zocas, a Gala Internacional de Maxia e, xa pola noite, o peche do mercado. As actividades desenvolveranse tanto no recinto do mercado como nas inmediacións do Concello.

O domingo o mercado volverá abrir ao público ás doce do mediodía e manterase activo ata a noite. Durante o día celebrarase un obradoiro de cestería, a popular Papanoelada Rábade Bikers e a visita de Papá Noel á súa casa, situada fronte ao Concello, antes do peche final do mercado.

O Mercado de Nadal contará cun total de 45 postos nos que se poderá atopar artesanía, produtos gastronómicos, complementos, antigüidades e propostas creativas, ademais de iniciativas solidarias e educativas. A programación busca dinamizar o comercio local e ofrecer unha alternativa de ocio para veciñanza e visitantes durante as datas previas ao Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.084748029708862