Begonte recibiu nos últimos anos 140.000 euros en axudas de Augas de Galicia
A Xunta de Galicia concederá axudas por un importe global de 4,7 millóns de euros para que concellos e comunidades de usuarios poidan executar este ano 265 actuacións entre obras e auditorías co obxectivo de mellorar o funcionamento dos seus sistemas de saneamento e de abastecemento.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita ao concello de Begonte para facer balance das catro liñas de subvencións convocadas en 2024 por Augas de Galicia para avanzar na profesionalización da xestión dos recursos hídricos e seguir colaborando cos concellos.
Concretamente, o organismo autonómico brindará apoio económico ás entidades locais —con axudas de, como máximo, 10.000 euros— para facer auditorías nos seus sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa co fin de cuantificar as perdas e deseñar un plan de actuación que as minimice. Tamén colaborará cos concellos para auditar a súa rede de saneamento, coñecer os problemas existentes e detectar e corrixir, de ser o caso, a entrada de augas brancas no sistema —augas limpas naturais que chegan por infiltración á rede e hai que depurar—, con achegas de ata 15.000 euros.
A terceira liña de axudas para entidades municipais —ata 45.000 euros— ten como fin subvencionar obras para eliminar fugas no abastecemento, en cumprimento da norma vixente e dos obxectivos ambientais derivados do actual escenario de cambio climático.
Por último, Augas de Galicia ofrece axudas de ata 15.000 euros a comunidades veciñais que xestionan as súas traídas de auga, una boa solución para abastecer pequenos núcleos pero que adoitan ter dificultades económicas para afrontar o seu mantemento.
Tras explicar que Begonte é un dos 167 concellos galegos que se beneficiarán destas últimas convocatorias, con dúas axudas concedidas por máis de 55.000 euros para auditar a súa rede de saneamento e para levar a cabo obras destinadas a reducir as perdas de auga, a responsable autonómica felicitou ao alcalde, José Ulla, por poñer a xestión da auga entre as súas prioridades e apostar pola mellora continua do servizo.
Neste sentido, puxo a Begonte como exemplo do esforzo municipal por mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da optimización dos recursos hídricos. De feito, lembrou que desde 2019 recibiu preto de 140.000 euros en subvencións de Augas de Galicia, sendo o concello lucense con máis achegas deste tipo e o quinto de toda Galicia.
Máis de 12 millóns de euros desde 2019
Ante a boa acollida recibida por parte dos concellos, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta decidiu ampliar en 2,93 millóns de euros o orzamento inicial das tres liñas dirixidas ás entidades locais, un esforzo que supuxo triplicar os fondos dispoñibles e permitirá chegar ao 100% dos concellos solicitantes e que cumpren todos os requisitos.
Tras a ampliación de crédito, as axudas para minimizar fugas e as dirixidas a facer auditorías de saneamento foron as de maior éxito, con 70 e 92 subvencións cada unha. Ademais, tamén se outorgaron 61 achegas para revisar os problemas dos sistemas de abastecemento doutros tantos concellos e subvencionaranse arredor de 42 actuacións para mellorar traídas de auga veciñais xestionadas por comunidades de usuarios.
A previsión da Consellería é que as catro ordes de incentivos para optimizar os sistemas de abastecemento e de saneamento en Galicia estean resoltas e comunicadas ao longo do mes de xullo, de forma que os concellos e os particulares beneficiarios dispoñan ata final de ano para poder executar e xustificar as súas actuacións.
O compromiso da Xunta coa mellora das redes de abastecemento, saneamento e depuración tradúcese desde hai anos nun esforzo continuo por apoiar aos concellos e ás comunidades particulares encargadas da súa xestión. Esta colaboración plasmouse desde 2019 en máis de 12 millóns canalizados a través de diversas ordes de subvencións.
De feito, Augas de Galicia segue intensificando o seu apoio económico para mellorar as redes de saneamento e de abastecemento da comunidade, como demostra o feito de que fronte aos 3 millóns de euros que destinou de media a este tipo de axudas nos últimos catro anos, xa ten comprometidos para 2024 un total de 4,7 millóns de euros.