Begonte renovará e ampliará o pavillón de Baamonde

TerraChaXa
O Concello de Begonte está a piques de rematar o proxecto de reforma integral do pavillón de Baamonde.
8 Xan 2024

O Concello de Begonte está a piques de rematar o proxecto de reforma integral do pavillón de Baamonde. Esta ten un orzamento de 1.388.646,78 euros e busca dar solución a diversos problemas que ofrece actualmente esta instalación, unha das máis utilizadas polos equipos deportivos locais.

Os traballos que se executarán consisten na mellora e ampliación da pista deportiva, que será de madeira, poñendo solución á situación actual, xa que a pista é moi estreita e as zonas de bancos e de público están moi preto da de xogo. Completarase a actuación coa instalación dunha nova cuberta e un sistema de ventilación forzada, co obxectivo de evitar os problemas de condensación e de pingueiras que ultimamente están a obrigar a suspender adestramentos e partidos oficiais.

Destaca tamén a construción dunha nova bancada que acollerá medio milleiro de persoas con total visibilidade, un cambio sustancial xa que actualmente ten unha capacidade de algo máis de 100. Nese lateral, ademais, demoleranse os vestiarios actuais e quedará debaixo das bancadas unha sala polivalente duns 300 metros cadrados.

Tamén se farán catro novos vestiarios para os xogadores e outro máis para os árbitros, xa que os dous que hai agora resultan insuficientes cando se pretende programar partidos nun horario correlativo.

Esta será a primeira actuación que se acometerá, para pasar despois a demoler os vestiarios vellos e a renovar a pista e a cuberta no verán, co obxectivo de que a reforma estea terminada de fronte ao comezo da próxima tempada.

O obxectivo é sacar a licitación en próximas datas esta obra.

0.16358494758606