Belesar acollerá o 14 de marzo a primeira Festa da Xuventude con música, xantar popular e verbena

TerraChaXa
Os tíckets poderán adquirirse en distintos establecementos colaboradores e a través da comisión organizadora, cunha data límite de reserva fixada para o 7 de marzo
festas-belesar-xuventude
3 Mar 2026

A parroquia de Belesar, no concello de Vilalba, celebrará o vindeiro 14 de marzo a súa primeira Festa da Xuventude, unha xornada festiva que se desenvolverá na pista do colexio, cuberta con carpa e dotada de calefacción para garantir a comodidade das persoas asistentes.

A programación arrancará ás 14.00 horas cunha sesión vermú amenizada polo dúo Son de Festa, á que seguirá un xantar popular servido pola Taberna do Trasno. O menú para adultos incluirá xamón cocido, polbo con cachelos, churrasco mixto con patacas, sobremesa, café, bebidas e licores, cun prezo de 37 euros.

Tamén haberá menú infantil, con opcións adaptadas á idade, cun custo de 18 euros para nenos e nenas de 7 a 12 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán participar de balde.

A festa continuará a partir das 20.00 horas cunha verbena na que volverá actuar o dúo Son de Festa, acompañado pola Disco Móbil Eventec. Durante a xornada haberá ademais colchonetas gratuítas e sorteos, pensados para completar unha oferta de lecer dirixida a todos os públicos.

Os tíckets poderán adquirirse en distintos establecementos colaboradores e a través da comisión organizadora, cunha data límite de reserva fixada para o 7 de marzo. A organización destaca que esta primeira edición nace coa vontade de converterse nunha cita anual de referencia, fomentando a convivencia veciñal e a dinamización social e cultural da parroquia.

0.12473177909851