Berlai actúa este sábado na casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 2 de decembro, ás 20 horas, un concerto de Berlai, proxecto musical creado por Xiao Berlai, que xunto á súa banda, presenta Estampas Galegas.
actuacion concerto berlai
29 Nov 2023

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 2 de decembro, ás 20 horas, un concerto de Berlai, proxecto musical creado por Xiao Berlai, que xunto á súa banda, presenta Estampas Galegas. Un conxunto de cancións baseadas en experiencias vitais ou reflexións sobre a Galiza de hoxe.

Estampas Galegas é o último traballo de Berlai após Desconhecido (2016) e Cas Berlai (2020) e está publicado en formato libro-disco (editado por Através Editora) onde mistura música, pequenos relatos e ilustracións, estas últimas da autoría de Leandro Lamas.

Xiao Berlai (guitarrista, mandolina e voz) estará acompañado este sábado por Iago Mourinho (piano), Bruno Couceiro (batería) e Pablo Sanmamed (baixista) que interpretarán as dez cancións do traballo (Um país com dous nomes; Com os melhores desejos; Roubárom-nos a heroína; Encerelhado; Como Elisa e Marcela; Orgulho guai; Un home é um home; Greve do assobio; Como Sue Ellen; Sei que habito) que contan distintas historias como unha tenda de roupa chamada "home" que nin sequera vende calzóns; a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; a progresiva castelanización do galego; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega...

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Previamente ao concerto, Xiao Berlai manterá unha conversa coas persoas participantes no Club de Lectura Xuvenil da Casa-Museo sobre os pretextos, historias ou reflexións que o propio Xiao acompaña cada canción do libro-cd Estampas Galegas.

0.1473400592804